O Festival CoraSons 2027
Santiago ten unha nova cita coa música.
O próximo sábado 13 de marzo de 2027, o Multiusos Fontes do Sar acollerá a celebración de CoraSons, un festival que reunirá nunha mesma noite a Rodrigo Cuevas, Fillas de Cassandra e Caamaño & Ameixeiras entre outras sorpresas.
Tres artistas, tres directos e diferentes maneiras de transformar a tradición e traela ao presente conforman un cartel que conecta música de raíz, electrónica, pop, folclore, experimentación e creación escénica.
As entradas sairán á venda este xoves 1 de outubro ás 12:00 horas a través de Ataquilla, con prezos desde 49 euros.
Como promoción especial de lanzamento, as primeiras 300 entradas terán un 20 % de desconto.
As portas do Multiusos Fontes do Sar abrirán ás 18:00 horas. Caamaño & Ameixeiras inaugurarán os concertos ás 19:00 horas, Fillas de Cassandra subirán ao escenario ás 20:00 horas e Rodrigo Cuevas pechará a programación a partir das 22:00 horas.
Unha noite, tres formas de transformar a tradición
CoraSons nace do encontro entre os sons contemporáneos e as novas formas de entender a música popular. Un festival aberto a artistas que transforman, mesturan e reinventan linguaxes, xéneros e raíces. Esta edición reúne precisamente tres proxectos que comparten esa forma aberta de relacionarse coa tradición, aínda que cada un a traslada a un territorio artístico propio.
O cartel presenta, ademais, conexións que van máis alá do escenario de CoraSons. Caamaño & Ameixeiras colaboraron tanto con Rodrigo Cuevas, en “Catro cousas”, como con Fillas de Cassandra, en “Arderse”, debuxando unha relación artística entre os tres proxectos que agora coincidirán en Santiago.
